Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta de Goberno aproba inicialmente o Estudo de Detalle da USC para a construción do Centro de Ciencias da Saúde no Campus Sur


A Xunta de Goberno local deu luz verde esta mañá á aprobación inicial do Estudo de Detalle da parcela ZEU-25, promovido pola USC en desenvolvemento do Plan Especial do Campus Universitario (PE-8), para a construción do Centro de Ciencias da Saúde no Campus Sur. Tamén se autorizou a recepción das obras do espazo interxeneracional no barrio de Sar e de mellora da accesibilidade en Pontepedriña. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta destes e outros temas tratados na Xunta de Goberno nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi.

Durante a rolda de prensa, Goretti Sanmartín explicou que a aprobación inicial do Estudo de Detalle da parcela ZEU-25 “onde se vai situar o Campus de Ciencias da Saúde”, permitirá “ordear todas as edificacións da zona prevendo a situación dos espazos e a súa edificabilidade e das parcelas que acabarán funcionando como zonas verdes ou como prazas de aparcamento”, das que concretou que haberá “350 prazas”. “Apróbase inicialmente este Estudo de Detalle e sométese a información publica por prazo dun mes e despois irá á aprobación definitiva” no Pleno, polo que “o proxecto aínda pode sufrir modificacións”, indicou a rexedora.

O Estudo de Detalle ten como obxectivo materializar o proxecto seleccionado no concurso de propostas arquitectónico-urbanísticas convocado pola USC para a construción do Centro de Ciencias da Saúde no ámbito denominado ZEU-25 no vixente Plan Especial PE-8 do Campus Universitario.

A área ZEU-25 está composta por dúas áreas edificables (ZEU-25A e ZEU-25B) separadas pola nova rúa recentemente urbanizada, que vai desde a Avenida de Gómez de Marzoa ate a rotonda da Avenida do Mestre Mateo. Para a área ZEU-25A (de 7.969 m² de superficie), o Estudo de Detalle determina unha ocupación máxima de 3.918 m²; mentres que para a área ZEU-25B (de 2.362 m² de superficie), determínase que queda libre de edificación. A porcentaxe de ocupación da área ZEU-25A será do 49,16 %, (fronte ao 70 % do PE-8) e da área ZEU-25B do 0 % (fronte ao 100 % do PE- 8). Así pois, no total da área ZEU-25, a ocupación máxima será do 37,92 % fronte á máxima total do 76,85 % prevista polo PE-8 vixente para o conxunto.

Recepción das obras no barrio de Sar e Pontepedriña

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á autorización para a recepción definitiva das obras de creación dun espazo interxeneracional no barrio de Sar. Goretti Sanmartín detallou que o remate das obras “está previsto para o 20 de decembro” e o seu obxectivo foi a posta á disposición da cidadanía dun “espazo onde poida convivir crianzas, rapazada de distintas idades e persoas maiores, con espazos de xogos e outros axardinados con árbores” na parcela situada entre a ‘Ruta da Prata’ e a calzada do Cruceiro do Sar.

Este contrato fora adxudicado polo executivo municipal o pasado mes de xullo á empresa a ALCOMTE GALICIA SL por un importe de 126.984,82 € (104.946,13 euros máis IVE).

Tamén se acordou a autorización para a recepción de obras Obras de mellora da accesibilidade no barrio de Pontepedriña co fin de “mellorar a conexión entre o barrio e o ensanche e o centro”, unha intervención que permitiu a instalación de “dous pasos peonís sobre o río Sar na zona próxima ás hortas”. As obras, que xa están rematadas, foron realizadas pola empresa ÁREA PROYECCIÓN, CONSTRUCCIÓN Y SERVICIOS SLU cun orzamento de 145.200,00 € (base impoñible 120.000,00 € máis IVE do 21% 25.200,00 €).

Enmarcada na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA) e cofinanciada polos Fondos FEDER, esta actuación pretende mellorar a accesibilidade e a conectividade da zona con outros barrios da cidade través dun percorrido transversal interno, creando novos itinerarios que terán continuidade no Ensanche e noutras sendas como a de Sar.

Outros asuntos

O executivo municipal tamén deu luz verde á aprobación inicial das axudas solicitadas para levar a cabo actuación en dúas vivendas no Carme de Abaixo e outra edificación en Poza de Bar, correspondentes á convocatoria de subvencións á rehabilitación no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 na ARRU do Casco Histórico FASE 16, por un importe total de 39.217,68 euros.